Manifesto pola protección da Serra do Galiñeiro




Vexo contigo estes ceos,
Vexo estas brancas auroras,
Vexo estes campos froridos
Donde se arrullan as pombas,
I estas montañas xigantes
Que aló cas nubes se tocan,
E o mesmo amor,
Rosalía, lévame, lévanos,
polos pés, defender BELEZA.

Os que hoxe estamos aquí sabemos ben que o Galiñeiro somos nós, os que aquí vivimos, os que por aquí pasan, todos os que alentan, os que xa non son, os que están por vir. Porque non é verdade que se poida xebrar a paisaxe da ollada, o mundo do individuo, porque todos facemos parte dun magma indistinto, dunha lea confusa, dunha fusión caótica e plena. Marcados polo amor, estamos, obrigados a honrar a vida

Os que hoxe estamos aquí sabemos ben que nos cómpre ser razoables, que nos urxe ser, radicalmente, razoables

Contra o capitalismo planeticida

Contra a corrupción e a cobiza

Contra a estupidez humana.

Os que hoxe estamos aquí tomamos a estraña decisión de deixar de calar ante as lentas coiteladas á paisaxe, unidos para berrar NON, para cuestionármonos, coa maior honestidade posible, o modelo de sociedade no que estamos. 

Minas para que? Minas para quen? A quen aproveita? Que escasísimas mans recontarían con usura os beneficios? 

Balsas de veleno, patas de rata sobre a herba seca.

Baixo os nosos pés, baixo a codia verde, tralo manto que ser renova incesante, pemanecen silandeiros os minerais: o feldespato, o cuarzo, a moscovita e o berilo, a turmalina e a pirita, o cacoxeno e o almandino, a riebeckita … Velaquí están debaixo e ao carón de todos nós, embutidos na terra negra, velaquí estan desde hai miles de anos están, antes de que o home fose home.

Esta xeoloxía singular, esta riqueza, é agora obxecto de desexo. Nalgún despacho afastado algún directivo dunha gran multinacional comeza a matinar no expolio. Catas de prospección. Terras raras. Cobiza depredadora. Itrio e escandio para fabricar baterías de obsolescencia programada. Lixo planetario. Capitalismo planeticida.

Qué ben que a bomba ven co seu rebombio, Celso Emilio, a bomba con aramios, con formigas, a bomba con lombrices, bombardinos, vermes de luz, bombillas fluorescentes, peixes de chumbo, vómitos, anémonas, estrelas de plutonio plutocrático, esterco de cobalto hidroxenado, martelos, ferraduras, matarratos.

Luz e progreso en todas partes confundindo valor e prezo, profanando en aras dese mellor dos mundos posibles, cada vez máis cativo, máis miserento. 

Neste momento de crise mundial no que o foxo entre os ricos e os pobres se axiganta, neste momento no que a corda se tensa ata o límite da resistencia cómpre dicir NON, cómpre atreverse a rexeitar a esmola dun modelo económico voraz e insostible, cómpre plantar cara. Somos nós, os cidadáns conscientes, as plataformas cívicas os que debemos abrir liñas de combate, en nós florece xa un tempo novo de activismo e dignidade.

Horizontalizade, músculo cívico, AMOR para defender BELEZA, todos xuntos amparando a Serra do Galiñeiro, amparando a vida do carrasco da turbeira, da azulenta, da saramaganta, da rá patilonga, do cabalo do monte, do picanzo real, do pedreiro cincento. Todos xuntos honrando os lugares sagrados dos devanceiros a Cova da becha, a Lapa da Moura, a Auga da Laxe, o Chan das Moutas.

Acolá están as illas Cíes, preservadas xa como espazo natural, aquí está a serra do Galiñeiro que aínda treme e se espanta, que se degrada aos poucos ferida pola ameaza das aspas metálicas dos aeroxeradores, pola plantación masiva de eucaliptos e acacias, polos vertedoiros de lixo e entullo, polas pistas de asfalto, polas canteiras ilegais… 

Cómprenos parar esta miseria!

Cómprenos berrar NON!, é urxente, é radicalmente razoable.

A forza comunal debe dar froito, debe varrer as macilentas sombras, grilos de ferro arrastrando. Nos, os conxurados, somos unha onda que medra, que se estende e alaga, connosco vai o futuro.

Somos serra!

REXINA VEGA


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores