E295 Trilho de Corno de Bico (Paredes de Coura)

Sol, 27 de outubro de 2013

Chegamos tarde, penso eu. Andivemos Anxo e eu a probar onde comer e xa por terceiro intento, na Albergaria de Paredes de Coura puidemos repoñer forzas, que ultimamente escasean. O certo é que eu son rariña nisto de comer, e aínda que o bife estaba bo non comín moito, máis non houbo problema para saír camiño de Tumio, na parroquia de Bico, buscando algo “doce” para pasa-la tarde. Xa serían as 16 h quizais, porque cambiou a hora esa noite, e en Portugal tiñamos dúas máis de regalo, o que me despistou un chisco.

O comezo foi ben curioso para min. Dábame a sensación de entrar en terras alleas, fincas privadas, prados fermosos, verdes... que daban magoa pisar. Un cabaliño dedicounos o seu tempo lento, ese percorrido pola vida que fan os animais pasando “sen pena nin gloria” por ela. Aquel cabaliño non, aquel dedicounos un momentiño e invertemos tempo en sorrisos, fotos e paz a carón del. E logo diso e de saudar un paisaniño que por alí andaba cruzamos polo prado dos cordeiriños mais lindos que eu vira hai tempo. É ben certo que nestes tempos difíciles o único realmente bo é que un aprende a valorar as cousiñas máis pequenas, as do día a día, aquelas nas que non reparamos. Mais eu xa fai anos que aprecio a compaña, o silencio, o ollar e a risa tamén...aqueles cordeiriños, sen querer, deixáronme un bo presente, tanto que loitei contra min por non saltar o valado (iso, e tamén freoume a presenza dos seus “pais” que por alí estaban).

Logo diso chegamos até a parroquia de Giesteira, e o meu experimentado compañeiro amosoume a súa capela, ben curiosa, e resgardada por un can destes que ladran moito e non fan nada. Ese foi o comezo do auténtico paraíso, chegou o ceo disfrazado de bosque... un lugar incríbel, árbores silenciosas que se mexen aló no alto, follas no camiño... e dinme conta de que comezou o outono, ¡por fin estaba pisando o outono! Por fin, ¡xa era hora! Carballos, castiñeiros, acevos, espiños...nunha paz, nun claro, non quería saír de alí. ¡E que non quería! Mais o tempo estaba na nosa contra porque a noite chegaba antes así que Anxo pasou o que quedaba da tarde “tirando” de min: veña Sonia, vamos... non há tempo, veña, camiña... estou en baixa forma, baixísima, pensei todo o tempo, teño que esforzarme, pero as pernas non respondían moi ben, aínda así, saímos dese territorio máxico para camiñar por unha pista un bo rato até pasear refuxiados de novo polas árbores: abetos cun bosque cheo, todos en liña, ordenadiños... e xa me explicou Anxo o porqué desa estraña orde, pouco habitual na paisaxe. Mais quen queira saber esta curiosidade, este segredo, que busque neste Blog o relato desta mesma ruta há uns meses, alí terá tódolos datos. Os abetos fanme lembrar a primeira vez que os ollei en Pirineos... todos nevados, mentres subía polas montañas, maxestosos, as ramas caídas polo peso da neve... pois os de Paredes de Coura son de certo igual de máxicos para camiñar entre eles, como fixen un bo rato esa tarde.

E así, subindo, subindo, chegamos ata o Miradouro de Corno do Bico, xa o ceo gris, mais cunhas vistas do val cos seus cultivos ben coidados, aló ó fronte as terras onde Anxo ten ancestros, unha bocanada de aire fresco para encher os pulmóns e retomar o camiño de retorno. ¡Qué sede! As veces penso que comecei a camiñar onte, porque saír sen auga aínda que sexa a pasear un rato é de pecadentos. Pois ben, pode ser que non sexa unha altura moi importante (883 m.) mais para min foi ben suficiente, co Val do río Coura abaixo, ¡qué paisaxe!  

Non me lembro se foi neste descenso onde Anxo quería atopar setas, mais o tempo era pouco e tivemos que baixar pola pista de pedras ben empinada e non polo bosque que alí o lado atopábase e que, o mellor, tiña esas ansiadas setas que había uns meses colleran os meus queridos compañeiros de andaina dos Eivadiños. Aínda me lembro do porqué de non ir aquel domingo con eles, e máis me lembro do meu arrepentimento por non acudir a cea que logo fixeron coa súa colleita.

Así, sen bastóns, baixamos pola montaña ata chegar á pista e retomar outro camiño que, pouco a pouco, foinos amosando de novo as casas, os cans, os frutais sen froita, os charcos que se empeñan en mollar os pes aínda que sexa no final do camiño... esa aventura tan recoñecida que sempre há que pasar cos Eivados, subindo por outros terreos alternativos para non rematar no barro... e chegar ó coche para estirar ar pernas pensando que fixen moito, cando non foi tanto, e recollerse cun galao que so os portugueses saben facer así e tomar un doce da terra veciña que buscaba dende que comezou toda esta historia.

3 comentarios:

  1. Fomos buscar cogumelos e atopamos un tesouro agochado na follasca... estas verbas fermosas escritas por unha man chea de sentimento e de espiritu Eivadiño. Todo un placer o de rememorar as nosas pegadas pola terra com alma do Coura, xermen da nosa historia. O noso imaxinario valorizouse con esta nova visita á fraga enfeitizada de Corno de Bico.

    ResponderEliminar
  2. Anxiño...subichea!!! Xa ia reclamala! Que ben reler as verbas dun paseo tan cargado de significado para os eivados.
    Agora xa vou coa que teño pendente para Alex e ti...canto me dan estos eivados, canto!

    ResponderEliminar
  3. Unha vez máis miñas obrigas profesionais me levaron a pasar uns días mais alá dos Alpes. Cando ando polo mundo tirado, ler relatos coma este me manteñen unido coa realidade que realmente desexo e non na que nese momento me toca vivir.
    Moitas grazas

    ResponderEliminar

Seguidores