E298 Sendeiro do Deza (Silleda - Vila de Cruces)


Sol, 22 de decembro de 2013

As veces penso que a maxia está dentro de nós, e que só hai que saber buscala, as veces na xente que queres e que che fai xurdir os sorrisos ou as tenruras, as veces nas cancións que semellan escritas para ti ou nos libros nos que les os teus propios pensamentos, as veces nas paisaxes que se cravan como un anzol no teu imaxinario particular.

A miña fortuna, o meu patrimonio,  é un inventario de intanxibles, un feixe de persoas e lugares, de melodías e letras, onde atopo esta maxia que me fai soportable a triste deriva desta humanidade tan inhumana, da que me sinto en parte responsable na medida en que a miña rebeldía fica agochada e non son quen de resistir a un sistema que haberá de levarnos, estao facendo xa, a barbarie que nos ha condenar a desaparición da nosa especie e a destrución do noso planeta.

Pola maxia érgome e saúdo, como un desafío, a un ceo cuberto de nubes grises, botando anacos de pulmón pola boca e encho a mochila de “porseacaso”, aínda sabendo que como se confirmen as ameazas do ceo non han chegar para pórme a salvo dunha pulmonía.

Andaba eu argallando con mandar ós caixón da historia, cando rexurdiu ó espírito eivadiño no peito do noso cachorro, que semella ter forzas para tirar por todos nós aínda que sexa costa arriba, e non me quedou outra que vestir as roupas de combate e saír á rúa, onde xa me estaba agardando o meu “Heroe” e Zaira, esa rapaza de mirada limpa e sincera,  que tentaba en darnos unha segunda oportunidade, a pesares da aventura da Fraga do Barragán, que remataramos ben pasado o lusco fusco.

Fomos almorzar, cafeciño e croissant de cereais, e ata houbo quen lle mandou unha madalena rechea dalgunha sustancia sospeitosa, mentres agardabamos por Sonia, outro dos membros máis activos e entusiastas dos últimos tempos nas minguadas Forzas Eivadiñas, sen a que non queríamos partir a ningures.

Aquí non deixamos a ninguén atrás, é esta unha das poucas regras que temos, aínda que, como ven sendo costume, se nos faga de noite, a maxia tamén alumea en medio das tebras, coma os vagalumes.

Fronte á Praza dos Cabalos (non diremos nunca Hespaña), onde comezaba a nosa andaina, enlazando autoestradas, carreteiras nacionais e ata unha pista de terra, pois o tontón así o indicaba, ata chegar, hora e media máis tarde, cunha banda sonora bastante contundente, onde o mundo chamase Bandeira (sempre branca, azul e vermella).

Alí buscamos un bar onde nos deran un anaco de pan con calqueira cousa, e despois dun primeiro intento errado atopámolo, e tanto nos gustou o sitio que decidimos tomalo alí mesmo, acompañando o xamón serran cunha cervexa, e unha tapa de fabada (da que deu boa conta o noso Carpanta particular), enchendo as forzas para a aventura que tiñamos por diante, que semellaba doada, máis con nós nunca se sabe como remataría.

Unha das curiosidades do local é unha libreta pendurada da parede no aseo de homes (seica que as mulleres non teñen esta necesidade literaria nos baños), para que os clientes non escribiran na porta ou nos azulexos. 
E outra anécdota que alí aconteceu foi o espertar do noso dinosauro, pois a Criatura acordaba entonces de nós, aínda que sen moito desexo de nos acompañar, pois xa dende que se plantexara esta andaina desconfiaba de que remataramos con ben.

Saímos de Bandeira en direción Merza, e a pouco atopamos un desvío cara o Mosteiro de Carboeiro, máis eu pensei que era mellor saír da Fervenza do Toxa, pois á tardiña sería menos doado vela con algo de luz, así que collemos o segundo desvío e algo máis tarde estabamos circulando por unha pista forestal, onde non quixemos arriscar máis e deixamos o coche preto do panel de información do sendeiro.

Había moita auga no camiño, e no ceo aínda máis, así que metín un feixe de “porseacaso” na mochila, a pesares de que esquecín, como sempre, algo que nos sería de moita utilidade: unha lanterna.

“Anxo, el otoño!!!”, saíulle do máis fondo do corazón (é ben grande que o ten) a Sonia en canto as súas botas comezaron a quitarlle melodías á follasca, e todos sementamos sorrisos nunha fraga plagada de carballos, castiñeiros e sobreiras, e algo máis abaixo, pertiño do río, bidueiros, faias e ameneiros, que debuxaban unha sinfonía de cores como aínda non viramos nesta estación.

Quizais algo ciumento polos resplandores dos nosos sorrisos, o sol rachou a gran tea gris que cubría o ceo, e aledounos os derradeiros metros antes de contemplar un dos espectáculos naturais máis fermosos da nosa terra: a Fervenza do Toxa. Non ten moito sentido describir o lugar, xa que as moitas fotos que quitamos falan por si solas, só dicir que ben paga a pena achegarse ata alí, so por contemplar como o río precipitase en caída vertical duns corenta metros, ata rematar nunha poza da que semella que vai saír unha moura.

A verdadeira aventura comezaba uns metros máis aló, no inicio do sendeiro que bordeaba o río Toxa, en direción a Carboeiro, e que dende o primeiro momento semellou que non ia ser esta unha empresa doada.

O chan estaba ben esvaradío, as pontellas de madeira arruinadas, e unha cantidade importante de árbores vencidas sobre o camiño, dificultaban bastante o avance, e unha primeira caída de Zaira fíxenos extremar as precaucións, pois neste entorno de aventura tamén era fácil despistarse, xa que a fermosura das ribeiras competía ca dos saltos do Toxa, que baixaba cantareiro canda nós.

Cando o río Toxa tributa as súas augas ó Deza, cruzamos este pola Pasarela de Ferro, onde Alex tivo un momento (e non foron poucos nesta ruta) de reporteiro fotográfico no que nos fixo posar de unha ducia de xeitos diferentes, para despois tanguernos arreo: veña vamos, que o tempo é cumprido!!!. Mudamos de ribeira e tamén de concello, deixando atrás o de Silleda e internándonos no de Vila de Cruces.

A paisaxe tamén mudou, o camiño abriuse entre grandes carballos e fomos afastándonos do río, deixando atrás un regueiro de xestas trenzadas, quizais por algunha tradición na que se mesturou o paganismo cos ritos cristiáns, e a pouco chegamos á Capela de San Campio, onde perdemos o rastro das marcas do PRG (que imaxinamos descatalogado pois polo seu estado non é moi recomendable), e tivémo-la sorte de que unha velliña nos saíse ó paso, dende unha casa solitaria, xa no lugar de Sulago, que corrixiu a nosa deriva.

Pouco a pouco adentámonos na aldea, perseguidos polo aroma intenso do esterco, e aínda apañamos as derradeiras mazás do ano, a pesares das protestas de Sonia, que pensaba que nos ía saír o dono da maceira a pedir contas, máis estes núcleos rurais están ben despoboados, e ninguén é quen de preocuparse por se lle levan catro mazás que, doutro xeito, podrecerían na terra.

Nesta terra abandonada no tempo atopamos tamén á Señora Ramona, que tiña ganas de parolar e celebrou a nosa visita como se fose a dos reis magos, contándonos as penurias que pasou na súa vida xa dende rapariga, cando traballaba na minería clandestina, e despois no calvario dun matrimonio cun home ciumento e violento, que mallaba nela sen que ninguén lle acudira, e dos males que agora lle aqueixan, o maior deles, a soidade, foi minguada pola conversa con estes catro eivadiños, maiormente co Cachorro, a quen tentou adoptar. 

O tempo fóxenos falando ca boa Señora, e tivemos que apreta-lo paso para chegar, despois dun breve tramo de asfalto polo Arco da Carixa, ata a praia fluvial onde o río Orza verte as súas augas ó Deza, as marcas xogaron as agochadas outra vez con nós, a luz comezou a esmorecer, as nosas inquietudes a crecer, e as forzas a abandonarnos cando decidimos coller unha costa bastante inclinada cara o lugar de Paradela.

Custounos salvar o desnivel polo asfalto, rodeados dunha fraga máxica, mentres Alex turraba, literalmente, de nós, ata chegar a pequena aldea, que semellaba, polo menos no mapa, a un tiro de pedra do mosteiro de Carboeiro, máis non tivemos tanta sorte, xa que ó internarnos de novo na fraga perdemo-las marcas do sendeiro.

Tentamos por un camiño que baixaba ó río, e despois de avanzar un bo treito desembocamos nel, a carón dun muíño, e cun desgatado paso de poldras para aventurarse a cruza-lo, máis non tiña pinta de que fose por alí pon onde discorría a ruta, polo que volvemos sobre os nosos pasos, algo seguros de que non chegaríamos ó mosteiro.

Nesas o Alex recibiu unha chamada dun medio de comunicación, seica do Faro de Vigo, para facerlle unha entrevista polo lanzamento do seu último traballo discográfico, o que xa viña sendo habitual nas derradeiras saídas dos Eivadiños, mentres eu buscaba unha alternativa para non ter que volver polo mesmo camiño de ida. Atopeino antes de que rematara o seu dialogo coa prensa, e impriminlle un paso animado na procura da ponte pola que chegaríamos a Carboeiro.

Cruzámo-la ponte do Demo, co sol xa agochado no horizonte, e seguindo unha calzada centenaria dimos en enfrontarnos ó mosteiro de Carboeiro, aínda que non lle prestamos a atención que merece esta mostra da arquitectura medieval, erixida no ano 936 por orden dos condes de Deza, Tareixa Eiriz e Gonzalo Betótez, na época de esplendor da sociedade feudal galega, ainda que foi durante no ano 1171 cando iníciase a construción da igrexa románica que podemos ver actualmente. 

Coa Desamortización de Mendizábal de 1836, a casa prioral e varias terras do seu redor saíron a poxa pública, mentres que a igrexa pasou a mans do bispado de Lugo. O conxunto monacal quedou exposto ao espolio e o abandono, e Carboeiro ficou nun estado de grave ruína, ata principios do ano noventa, cando pasa a mans do concello de Silleda.

Se nin tan sequera lle dimos unha volta ó entorno do mosteiro, foi porque tiñamos que bulir, xa que a noite botábasenos enriba, e ante a imposibilidade de regresar polo sendeiro, polo risco que isto supuña, decidimos volver pola estrada, aínda sen saber moi ben cal era a distancia que tiñamos que afrontar. Ata fixemos un intento de que alguén se apiadase de nos e nos levara, polo menos a un, ata o noso coche, máis os rapaces que estaban curioseando entre as ruínas non atenderon as nosas peticións, o que lles valeu as maldicións de Sonia, que ata pensou en tenderlles unha emboscada, en plan guerrilleiro.

Chegou a noite, e semellaba que non chegaríamos nunca ó cruce da estrada de Bandeira, o mundo desaparecía baixo as tebras e comezaba a refrescar, e o desánimo chegaba ás minguadas forzas eivadiñas, que eran xa un exercito baténdose en retirada, desexosos de admitir a súa derrota diante dunha xerra de cervexa, máis non había tregua nin refuxio, nin quen se detivera a interesarse pola nosa sorte. Preguntámoslle a un homiño que nos mirou algo asustado pola camiñata que tiñamos por diante, máis que tampouco se compadeceu de nós, as cousas pintaban mal e eramos unha colección de dores. 

Camiñamos unha morea de quilómetros ata dar co cruce, e algo máis adiante tivemos que tomar a decisión de parar o primeiro coche que se cruzara con nós, se tiñamos a sorte de que algunha alma circulara por alí a esas horas, e foron dúas as almas que nos acudiron, unha parella de rapaces da zona, que non dubidaron en levar a Zaira e Alex a recoller o noso vehículo, mentres Sonia e máis eu quedabamos agardando bastante aliviados pola resolución da aventura. Quizás pasou algo máis, pero foi así como o lembro, e para que o lembredes tamén vos, o escribo…

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada

Seguidores