E292 Sendeiro do Pantano de Irabia (Val de Aezkoa)

Xúpiter, 26 de setembro de 2013

Xa levo un tempo escoitando o cruxir da madeira no pasillo e a sinfonía metálica dos trebellos da cociña, cando o meu compañeiro de camarote dime: “veña, vamos”, e un lixeiro movemento de cabeza faime lembrar que na véspera mandeille un gin-tonic de máis. Os meus colegas, cómplices de troula, xa están torrando pan e quentando leite para un almorzo enerxético, mentres eu so consigo erguerme co arrecendo do café.

Para espertar dáme por conectar a computadora e seleccionar un disco de Unicornibot, más os mathrock de Pontevedra só conseguen inzar un feixe de protestas entre os meus amigos e remato trocándoos por Julieta Venegas.

E bastante máis cedo do que acostuma nas convocatorias dos Eivadiños, e os meus movementos son tan lentos como as dunha lesma, aínda así conseguimos saír do noso refuxio de Murillo antes das nove, en direción ó Val de Aezkoa. Aproveito para mandarlle unha continuación dos meus soños no asento traseiro do Petete móbil, e cando volo abrir os ollos sinto un deses saltos no tempo nos que se refuxian os fantasmas.

Garaioa, Aribe, Garralda… noutra vida recorrín os seus sendeiros e sorrío á sombra daquel que fun, que aínda debe andar vagando por estas paraxes, mentres tento con Iosu, en van, poñerlle unha data a esta lembranza.

El nos leva ata Orbaizeta, a outra porta de entrada á Selva de Irati, e de aquí a Arrazola, o derradeiro núcleo rural onde a estrada se estreita e transformase nunha pista forestal que vai case ata os pes da presa do encoro de Irabia, onde comeza a nosa andaina.

Antes temos que deternos na caseta forestal para abonar os cinco euros da cuota do coche, que xa pagaramos onte, cousa festexada polo noso miguel, que a pique estivo de activar o turbolover pola simpática moza que nos recibiu na entrada ó parque.

Camiñando xa, a montante, polas beiras do Irati, espertaron tamén as inclinacións micolóxicas do noso guía, que non dubidou en botar man á navalla para cortar dúas lepiotas de bo tamaño, que iniciaron unha recolleita da que daríamos conta na cea.

A pesares de camiñar a escasos metros da auga era ben difícil quitar unha panorámica do encoro, dada a espesura do faial.

Eu tirei un bo tramo en cabeza, por non retrasarme pola insistente dor nos pes que arrastraba dende o primeiro día da expedición, quizais xa era hora de ir comprando unhas botas para a nova temporada invernal, e aledoume a sintonía na que camiñaban os meus compañeiros, que estaban especialmente faladeiros esta mañá, marabillado por unha fraga enfeitizada que, a pesares de que non era a primeira vez que a recorría, me descubría os seus mellores encantos. A vida bulía polas ribeiras do encoro de Irabia, e ata nos árbores vencidos xurdían novas formas de vida, fungos de texturas e tonalidades diversas, e pequenas flores que resistían o comezo do outono. 

Despois de percorrer uns cantos quilómetros, cruzamos por unha ponte de pedra o río de augas esmeraldas, xa adquirindo a aparencia de tal, e previa consulta ó mapa que levabamos con nós para reafirmar o noso rumbo, chegamos a unha Casa Forestal abandonada (eu pensei que era unha Casa da Luz, pois ben podía remontarse á construción do encoro en 1912), que no seu tempo debeu ter a súa importancia para a económica do val. 

Eu votaba, se no monte fora posible a democracia, por darlle algo de repouso os meus peciños alí mesmo, máis o noso guía tangueunos para que apurarámo-lo paso, pois aínda non estabamos a metade de camiño, e tiña fundadas sospeitas de que non chegaríamos a tempo para xantar onde tiña pensado.

A pouco funme quedando atrás, cada vez que paraba a tirar unha foto os tres mosqueteiros eran unha silueta afastada entre ó faial, máis estaba da miña parte a súa afeizón micolóxica, xa que non desaproveitaban cada cogomelo que lles saía ó encontro para debater se era comestible ou non, a pesares dos carteis de “Produktu Naturalen Barrutia”, que indicaban que esta era unha zona acotada para a recolleita de estes e outros produtos naturais.

Un par de vacas de grandes cornamentas nos saíron ó paso na pista que da ás Casas do Irati, de onde sairamos o día anterior, por onde vimos tamén un número significativo de excursionistas, e antes de chegar á casa forestal demos un novo quebro ó camiño, e comezamos unha costa bastante pronunciada para iniciar o regreso. Iosu e Xacobe non sei moi ben de que ían falando, pero semellaba que tiñan folgos para iso é para máis, mentres Miguel facía de Correcamiños na cabeza do pelotón, e a min no me quedaba outra que fedellar as ideas do Coiote, pensando en como chegar ó noso destino.

Agora penso que, lonxe de ser un camiño monótono, este sendeiro que rodea o encoro de Irabia (e algo máis) está cheo de matices, pois a fraga, ademais de faias e abetos, que son as especies dominantes,  ten unha variedade de especies arbóreas: abeleiras, capudres, salgueiros, acivros, pradairos, tilleiros e ulmeiros…

Semellaba pouca cousa a ruta escollida este día, máis o ritmo marcado polo Iosu arrancounos non poucos suores, sempre ca ameaza de quedar sen o xantar, e mesmo tivemos que descartar a volta completa ó encoro, pois non había tempo (nin forzas, polo no que a min respecta), así que na Casa Forestal enlazamos co camiño de ida e apresura-lo (aínda máis)  paso, o que non decreceu o noso espírito aventureiro, xa que collemos un camiño algo máis afastado do río para ver se acurtabamos, e se non gañamos moito terreo, si descubrimos outro recuncho bonito da Selva do Irati.

Estiramos un chisco no muro da presa, e catro pasos despois xa estabamos no coche, que saíu como un raio pilotado polo seu dono Xacobe, que non tiña nada que desmerecer a un campión de ralis, para que non quedasen os nosos bandullos baleiros, e a fume de carozo chegamos a Arrazola, onde o paisano de Iosu non atendeu, aínda que xa estabamos algo fora de hora, tan ben como a outra vez que comera alí con el.

Unha cunca de fabas vermellas con guíndellas devolveunos á vida, regadas con un Rioja de Calahorra, das bodegas Sacesa, das que non chegou unha botella, e de segundo prato, pementos de piquillo recheos, bacallau con patacas e polo con espaguete, a escoller, e  penso que todos quedamos satisfeitos ca elección, tanto dos pratos como do viño.

Saímos de Arrazola co balbordo de risas que ergueu un beltza, un home de color que, ataviado con txapela negra e camiseta borroka, fixo gala do seu excelente euskera, xa que era orixinario de Donibade Garazi, en Iparralde, e aínda vacilou ó dono do restaurante, que pese a súa militancia abertzale non tiña falaba tan ben o idioma de seu como o vendedor ambulante, que tiña a furgoneta carregada con arneses, cencerros e outras curiosas mostras de artesanía popular.

Eu non puiden, ou non quixen, evitar a caída no sopor pertinente para favorecer a dixestión das fabas, do polo e do viño, e cando espertei xa tiña diante unha fermosa arista, Erroitzate, no alto do nacedoiro do Errobi,  que animaba a unha ascensión  senón fora porque o noso guía tiña outros plans para nós, e decidira darnos unha tarde relaxada, e aínda nos deixou acariñar a uns cabalos bastante amistosos, que pastaban perto do aparcamento de Arpea, onde remataba a estrada, é onde, non sei moi ben cantos anos fai, viñera tamén co Iosu para visitar a marabilla xeolóxica que alí se agocha.

Por un estreito sendeiro que se interna no barranco que marca a muga, deseguida divisamos a cova de Arpea, que semella unha enorme tenda de campaña formada por varias capas de pedra, utilizada durante séculos, e aínda hoxe,  para refuxio de gando e de pastores.

Hai lugares onde a maxia é máis forte que a historia, e as fronteiras semellan esvaecerse, de tal xeito que perdemos a noción do espazo e do tempo, e temos que tomar contacto coa terra, sentarnos ou deitarnos mellor, para non esquecer que tamén nós estamos feitos de terra, e de que o noso destino e volver a ela, que somos auga e vento, e que as veces basta con acariñar a nobre cabeza dun cabalo para sentir a chamada dos nosos antergos, dos celtas ou dos vascones que antes de que viñeran os tempos malditos da conquista, vivían en contacto íntimo coa natureza, escoitando as súas sabias verbas.

O sol xa debuxaba as sombras das montañas sobre nós, máis non eramos quen de afastarnos do feitizo da cova de Arpea, eran moi distintos os camiños que nos xuntaran, máis os lazos eran fortes, deses que o tempo non pode podrecer, e ó carón dunha borda espallamos un feixe de sorrisos, comentando vellas xogadas ou as máis recentes, quizais falamos de loitas ou de amores, cos olliños plagados de soños e o bandullo agradecido ou pedindo xa unha cervexa.

Custounos erguernos e con pasos preguiceiros dimos as costas a Arpea, xurando que na próxima visita subiriamos o Erroitzate, aínda que só fora para mandarlle un bico ó horizonte, e volvemos outra vez a estrada, despois de despedirnos dos nobres equinos, para mergullarnos nas derradeiras luces do día nun lugar máis máxico aínda, os cromlechs de Azpegi.

En torno as pedras milenarias erguidas polos vascóns aínda antes de que se inventaran os mapas e as fronteiras, foi esmorecendo o sol, e sentimos as forzas telúricas deste lugar, como naqueles tempos en que a natureza e os seus fenómenos daban un certo respecto, e en torno a eles creábanse lendas e mitos para interpretalas. Cos ollos cheos de maxia, de tantas paisaxes fermosas como percorreran as nosas miradas (e os nosos pés) nesta xornada, démoslles as costas a esa muga imposta polos conquistadores, e baixamos cara Orbaizeta, a pesares de que, nesta ocasión, non visitámo-la fábrica de armas, nin mercamos os seu queixo de fama ben merecida.

Orbara, Aribe, Garaioa, Abaurrepea, Jaurrieta, Ezcaroz… unha sucesión de pobos polos que aínda camiña a sombra de aquel que fun, e polos que eu, como xa é habitual paso nos brazos de Morfeo, entregado a eses soños nos que, as veces, me traba con forza a nostalxia, e outras veces as ganas de conquistar novos horizontes. Cun ollo aberto e outro pechado, sorrío o albiscar ós meus amigos en animada conversa, facendo chanza da miña condición de marmota, mentres nos internamos no Val de Salazar, onde aínda temos unha ultima parada, na Foz de Arbayun, xa cun alento de luz, máis a suficiente para que Xacobe poda tirar un par de fotos, botando man do seu trípode, onde se poda debuxar a ruta que discorre entre os vertixinosos cantís.

Regresamos á nosa base de Murillo, con algo máis de terra nas botas e cas miradas soñadoras, xa que cumpría coller forzas para o derradeiro día, no que tiñamos como obxectivo o teito de Nafarroa, a Mesa dos Tres Reis, que se nos resistira na anterior visita, fai xa uns anos, cando os Eivadiños non chegaban nin a un cento de saídas, e pensabamos que agora, tan preto de acadar as trescentas, ben pagaba un reto como este, para demostrarnos a nós mesmos do que eramos capaces.

Así que despois das quendas de ducha, e de preparar entre todos o condumio, sentámonos a mesa, cunha perola de galiña que aínda quedara do domingo, unha fonte cumprida de cogordos, unha ensalada de escarola e un paté artesán. Brindamos co viño da terra, e na sobremesa volvemos brindar cos gin-tonics, habilmente preparados por Iosu, e andivemos a enredar co feisbuc, máis por botar unhas risas que por outra cousa, de tal xeito que rematamos abríndolle unha conta ó noso anfitrión, que dende agora levaría o alcume Fendetestas, como aquel desventurado bandoleiro do Bosque Animado, a novela de Wenceslao Fernández Flores, e todo isto levounos ata pasada a medianoite, no que cada quen ocupou a súa habitación, aínda que na miña, como xa era habitual, xa descansaba o Xacobe, que seica precisaba máis horas de repouso e menos de troula…

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores